Proceso de reconversión bancaria:
Cando comezou o proceso de reconversión bancaria, alá polo ano 2008, insistiuse en que o obxectivo era concentrar o sistema financeiro en 4/5 entidades privadas e niso estamos. Todo o que vimos sufrindo dende aquelas segue ese guión. Un proceso que prexudica ao persoal, á clientela e ao conxunto da sociedade. Só beneficia aos grandes grupos multinacionais propietarios de grandes paquetes de accións, á cobiza.
Estamos asistindo a un episodio que abre de novo o escenario de fusións: a venda dunha entidade participada polo Estado (60% de Bankia). Un ben público que será «vendido» sen seguir os criterios mínimos nestes procesos (transparencia, mellor oferta… etc.). E que ademais está guiado polo actual Presidente de Bankia, nomeado polo Ministerio de Economía, que só busca a súa continuidade e beneficio persoal. Lembra ás privatizacións do período de Aznar ou de Boris Yelsin, o que a esquerda española, cando estaba na oposición, chamaba «capitalismo de amiguetes».
