16 de abril de 2020

Covid-19: xuntanza extraordinaria CESS

Compañeiras/os,

Achegámosche resumo da xuntanza extraordinaria do CESS celebrada hoxe sobre seguimento da situación no Banco xerada polo Covid-19, así como a valoración e propostas desta Sección Sindical.


Información facilitada pola empresa

  • 71% das oficinas pechadas, traballando presencialmente o 11% do persoal de Banca Comercial e o 5% de BEC.
  • Persoas rexistradas actualmente con infección por coronavirus: 449 no estado español. 2 delas en Galiza (unha na provincia da Coruña e outra na de Pontevedra).
    Das 449 persoas, 8 hospitalizadas (2 en UCI e 8 en planta). As 8 persoas evolucionan favorabelmente, ás que se agarda unha pronta recuperación. Baixou significativamente o número de persoas hospitalizadas (anteriormente estaba en torno a 20–30 persoas).
  • Comezouse co reparto de 10.000 máscaras. Houbo problemas non agardados nas compras (gran demanda e sobre todo no envío –avión-). Dispoñen de 30.000 máis que se distribuirán proximamente. Estase xestionando o aprovisionamento de máis máscaras.
    Piden uso moderado das mesmas, sobre todo nesta fase inicial, até que non cheguen máis ás oficinas.
    Están valorando a compra de máscaras reutilizábeis. Dependerá da posibilidade de compra, proveedores…
  • Mamparas distribuídas en practicamente todas as oficinas (pedido inicial de 2.000 unidades, finalmente compra de 2.200 unidades), distribuídos os kits de limpeza individual, seguirase repoñendo xel…
  • Limpeza diaria en todas as oficinas abertas e extraordinaria nos cambios de turno. Nas oficinas pechadas ao público, séguese facendo limpeza da zona de caixeiro os días establecidos de limpeza na oficina.
    Indican que realizarán limpeza nas saídas de aire cara as fachadas e están estudando como facer limpeza de téxtiles (asentos…) dado que con lixivia non é posíbel.
  • Pase a situación de IT (baixa) de persoal especialmente sensíbel ao Coronavirus (maiores de 60 anos, embarazadas, diabete, enfermidade cardiovascular –incluída hipertensión-, enfermidade pulmonar crónica, inmunodeficiencia e cancro) sen posibilidade de adaptación de posto de traballo (persoal de caixa): indican que aínda que o procedemento establecido polo Ministerio de Sanidade así o establece, non hai uniformidade en todo o Estado na aplicación práctica, habendo casos nos que os/as médicos/as non emiten os partes de baixa, ou sen retroactividade.

Nos casos que temos constancia en Galiza, non percibimos dificultades polo pase a IT, se ben en ocasións sen retroactividade. No caso de que, coa aportación do informe remitido polo Servizo de Prevención, o/a médico/a de cabeceira non queira emitir o parte de baixa, recomendamos se poña esta circunstancia en coñecemento dos Servizos Médicos de BBVA e do teu xestor/a de T&C.

Ao final desta publicación tes a Guía do Ministerio de Sanidade e da Consellería de Sanidade, por se é do teu interese.


Valoración da CIG

Se ben con erros propios ante esta situación inesperada e continuamente cambiante pola crise sanitaria, valoramos como altamente positiva até o día de hoxe a resposta dada pola Entidade (alto porcentaxe do cadro de persoal en teletraballo, permiso especial Coronavirus retribuído non recuperábel para quen non puido teletraballar, medidas de protección…) e o enorme esforzo do persoal de moitos departamentos (comezando polos Servizos Médicos, Enxeñaría, Compras, Relacións Laborais…). Máis quen está mantendo o Banco en pé nesta extraordinaria e moi difícil situación non é outro que o persoal da Rede, agora maioritariamente teletraballando desde os seus domicilios en condicións moi dificultosas (fillos/as, familia, dificultades técnicas…) e nomeadamente quen estades heroicamente nas oficinas dando atención presencial á clientela, alén dos vídeos de “ánimos” dos Directivos desde as súas casas (agardamos que sobre todo eles sexan ben conscientes disto).


Propostas da CIG

  • Novamente solicitamos a realización de test de detección de Covid-19 ao persoal, comezando polo persoal que está e estará presencialmente nas oficinas. Test que deberían ser realizados pola Mutua a petición dos Servizos de Prevención do Banco, ou no seu defecto sufragado pola propia entidade.
    Se ben anteriormente as respostas foron negativas, agora indícannos que están valorando esta petición da CIG e a súa realización en coordinación co Ministerio de Sanidade. Feito que nos parece moi positivo e agardamos que se materialice á maior brevidade posíbel.
  • Distribución de luvas e de caretas de protección individual ao persoal de oficinas (nomeadamente para o persoal de caixa pola emisión de partículas que emiten as contadoras de billetes).
    Indican que, cando menos polo de agora, consideran que as luvas teñen máis prexuízos que beneficios (o virus permanece durante longo tempo no plástico) e que o máis efectivo segue sendo lavar as mans con moita frecuencia.
    Ao respecto das caretas, indican que o terán en conta, pero en principio non o contemplan pola existencia das mamparas. Consideramos que sería conveniente, cando menos cando se manipulan contadoras de billetes, pola expansión das partículas (nos últimos estudos indícase que o virus pode permanecer até 4 días no diñeiro, mentres que na roupa ou na madeira 1 ou 2 días).
  • Cando o Ministerio de Sanidade recomenda lavado diario de roupa de traballo entre 60 e 90 grados, solicitamos se dean instruccións para non usar traxes nin outras prendas que non admitan lavados a esas temperaturas.
  • Solicitamos avaliacións de riscos psicosociais por esta situación extraordinaria actual, tanto ao persoal que está anomalamente teletraballando como ao persoal que está presencialmente nas oficinas (sometido a un grande estrés, tensión…). Así como que con carácter previo á volta do persoal de teletraballo a oficinas, se realicen avaliacións de riscos dos centros de traballo para garantir o distanciamente mínimo entre postos (Contigo…).
    Consideran que non procede facer agora avaliacións de riscos psicosociais, xa que están enmarcadas dentro da avaliación xeral de riscos do centro de traballo. Que estamos nunha situación provisional e unicamente si se alonga no tempo valorarían a súa realización.


Seguiremos facendo seguimento permanente da situación e informando puntualmente.

As delegadas e delegados, tanto as/os que están traballando nas oficinas coma as/os que están de retén nos seus domicilios, estamos á vosa disposición. Contacta cando consideres connosco a través de correo, teléfono, whatsapp, telegram

Cumpre estritamente as medidas ditadas polo Servizo de Prevención de BBVA e polos organismos oficiais.

A nosa saúde e a dos/das nosos/as é o máis importante.

Moita forza a todas/os, nomeadamente ás compañeiras e compañeiros que estades presencialmente nas oficinas.

Xuntas/os superaremos esta situación!!!




➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!





Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto   https://i.gal/Afiliate [.pdf • 182 kB]
Folla       https://i.gal/AfiliateCIG [.pdf • 1'09 MB]






Documentos relacionados:

 [.pdf · 2 MB]
 [.pdf · 115 kB]


Ningún comentario: