Vimos de pasar outro verán máis onde a precarización da situación de toda a rede comercial quedou en evidencia. A infradotación das oficinas, obrigou ao persoal que cubriu os períodos estivais a sufrir as consecuencias dun cadro de persoal que xa resulta insuficiente mesmo nos momentos en que as sucursais están completas.
Oficinas que pechan obrigando ao persoal trasladado a asumir funcións que non lle son propias, restando tempo ou, máis ben, tendo que ampliar horario para poder apagar os lumes que se atopen. Oficinas con persoal eventual, tanto en caixa como en funcións comerciais, cunha mínima formación que supón a tutela e supervisión constante polo sufridor/a de persoal ao cargo. Oficinas sen apoderado/a, porque os recortes foron tantos que non se decataron ou non quixeron ver que non se pode abrir a porta/caixa forte/caixeiro/cadre de caixa sen que exista unha persoa apoderada, e que todos e todas tomamos descansos (previstos no cadro de vacacións dende ben cedo), ou caemos de baixa (imprevistos que a empresa segue sen resolver ou faino de modo completamente insuficiente, a costa do resto do persoal).
Pero iso si, a presión comercial non diminúe nin en agosto, onde lamentablemente presenciamos seguimentos e correos ao persoal dalgunhas oficinas por parte dos/das «responsables» de vacacións.
O censo galego mantén unha contratación eventual do 10%, cifra que só é unha media, xa que na provincia de Lugo é superior ao 16%. Falamos de arredor de 100 persoas máis que debería haber como persoal fixo para cubrir os déficits actuais. Na actualidade, anuncian a entrada de 40 persoas en toda a Territorial antes do remate de ano. Totalmente insuficiente.
Denuncia na Inspección de Traballo
Ao persoal de recente contratación, na súa consolidación, a empresa está impoñéndolle o horario partido, nunha interpretación do convenio máis que discutible. Sen posibilidade real de negociación e sen alternativa ofertada, o que está previsto como algo excepcional e con límites, está sendo utilizado pola empresa para seguir na súa teima de rachar co horario continuado que, ao paso que imos, vai ser a excepción á norma. A CIG denunciou estes feitos perante a autoridade laboral pertinente.
A CIG sempre defendeu e defenderá o horario continuo na banca de 8 a 15 horas. Nunca asinamos acordo algún, nin en convenio colectivo nin en acordos cos bancos, que rachasen a xornada continuada. A defensa da xornada continuada é fundamental para a conciliación real do persoal desta empresa, que permitiría unha maior promoción en igualdade de condicións para as mulleres en todos os niveis. Permitir o escenario contrario é ir en contra dos intereses dos traballadores e das traballadoras do BBVA.
Plan de IGUAL… dá!
Seguimos na teima de abrir negociacións para un novo Plan de Igualdade. O que está en vigor tiña data de remate en 2014 e vaise renovando anualmente até que haxa un novo acordo (palabras textuais do plan de 2010). Para acadar un novo acordo, previamente hai que abrir un período de negociación coa Representación Sindical. E a pregunta é: Que ou quen impide ou bloquea que existan estas negociacións? Nós temos claro que a empresa non ten un interese real en que suceda.
É necesario incorporar nun novo plan os avances feitos dende 2010, facer unha avaliación da situación actual na empresa e asumir novos retos en forma de compromisos reais. Doutro xeito, dirán un ano máis aínda que «este é o mellor lugar para traballar», pero será só no escaparate.
➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!
Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto
https://i.gal/Afiliate
[.pdf • 182 kB]Folla
https://i.gal/AfiliateCIG
[.pdf • 1'09 MB]
Ningún comentario:
Publicar un comentario