Mobilización no BBVA en Compostela |
Dende os primeiros anuncios do plan, entre liñas nos xornais, alá polo 2007, xa advertimos dos perigos que escondía o proxecto.
O Proxecto Velázquez primeiro e o Clima despois, implantados sen previo aviso, ignorando a legalidade, abusando do persoal e desprezando os nosos dereitos, segue avanzando grazas, non ás súas virtudes, senón ao tremendo esforzo do cadro de persoal, curiosamente, o mesmo que sofre máis directamente as súas consecuencias:
DESBANCARIZACIÓN, EXTERNALIZACIÓN E DESTRUCIÓN DE EMPREGO.
• OP PLUS MÁLAGA: Contra a creación de OP+ en Málaga, a CIG demandou cando a CGT, para que esta empresa interposta aplique o Convenio de Banca ao seu persoal, xa que o labor que desempeña é bancario. Nembargante, as persoas contratadas, temporais, a miúdo sen a formación suficiente ou experiencia, reciben unha remuneración miserenta e non disfrutan dos dereitos que lles corresponden.
Parécenos salientable que o resto da representación sindical non se sumara ás pretensións de esta demanda, hoxe recorrida. Debe ser que non lles parece mal que se reduza persoal no BBVA para contratar a menos persoas en peores condicións.
• OP PLUS NO MUNDO E OUTRAS DESLOCALIZACIÓNS: A creación de OP Plus en Perú e outros países, así como a deslocalización e externalización de servizos e departamentos enteiros a outras empresas no estranxeiro, saca postos de traballo fóra do Estado español nuns momentos economicamente difíciles coma os que estamos a vivir. Cremos que non é o papel que o BBVA debe xogar na sociedade, e así llo manifestamos á empresa en varias ocasións.
E como sabedes, o proceso continúa. Quen vai quedar?
• A REDUCIÓN DE PERSOAL: O resultado directo destas accións, xa levou por diante 3.000 postos de traballo de banca nos 2 últimos anos, e seguimos contando, á espera do que ocorra neste 2010.
É curioso que ante este panorama, o resto da representación sindical, asinara coa empresa en 2008, unha declaración (que non un acordo) na que se recoñecía a estabilidade de emprego no BBVA: e... Onde está? Nunca houbo tanta contratación temporal en postos fixos como agora, nin tan escasa cobertura de baixas ou vacacións, ou tanta necesidade de persoal nunhas oficinas nas que o único que medra son a presión e as horas presenciais.
• A RESPOSTA DA CIG: Así as cousas, non entendemos porque só se oe a nosa voz opoñéndose á perda de dereitos e postos de traballo que estamos a sufrir, pero tede a certeza de que imos continuar dicindo NON a este tipo de actuacións.
E non é tan só unha postura, xa que tras intentar innumerables veces a negociación co BBVA sen resultados, denunciamos na Inspección as condutas que non respectan a legalidade, falamos coa Administración para que teñan coñecemento destas condutas, imos aos Tribunais a reclamar os nosos dereitos, e estamos e estaremos na rúa para denuncialo ante á opinión pública.
➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!
Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto
https://i.gal/Afiliate
[.pdf • 182 kB]Folla
https://i.gal/AfiliateCIG
[.pdf • 1'09 MB]
Ningún comentario:
Publicar un comentario