A quebra do sistema financeiro dos EEUU e, en menor medida polo momento, do británico, así como a situación en Bélxica ou Alemaña, obrigou aos gobernos a intervir, chegando incluso á nacionalización de Entidades financeiras. Esta situación evidencia que a falta de regulación e a carencia de supervisión, son un grave perigo para as propias Entidades e para a economía en xeral.
No mes de xuño deste ano, anticipándose á gravidade da situación do sistema financeiro internacional, a CIG mantivo reunións cos Grupos Parlamentarios dos partidos políticos que dan soporte ao Goberno galego, BNG e PSOE, así como coa Consellería de Economía.
Nestas reunións a CIG trasladoulle a cada un dos seus interlocutores a preocupación polo deterioro do sistema financeiro internacional, así como polas repercusións para as Entidades Financeiras que actúan en Galiza, ao tempo que defenderon que consideraban urxente abordar unha nova Lei de Caixas de Aforros.
Necesidade dunha nova lei
Segundo a CIG, a nova Lei debería regular os investimentos e participacións empresariais dende unha óptica de país e non especulativa; garantir a inclusión financeira dos sectores menos favorecidos; democratizar os órganos de goberno garantindo a galeguidade das Caixas de Aforros ante os procesos de expansión; regular o destino da Obra Social e por último evitar a súa transformación en Bancos coa posible saída a Bolsa coa emisión de cotas participativas.
Neste senso o fracaso da emisión de cotas participativas por parte da CAM (Caixa de Aforros do Mediterráneo), semella afastar polo momento a posible saída a Bolsa de outras Entidades.
Por parte da Consellería de Economía negaron a necesidade de reformar a Lei de Caixas de Aforros, nin que fora necesario un maior control público.
Control partidista das caixas
O nomeamento este verán do Presidente da Deputación de A Coruña, o socialista Salvador Fernández Moreda, como Vicepresidente da Caixa Galicia demostra que no canto do control público a Consellería ten optado polo control partidista das Caixas.
En relación a crise financeira, pouco máis ten feito a Consellería de Economía para evitar a "seca" de financiamento que ameaza a viabilidade de centos de empresas en Galiza e, polo tanto, a milleiros de postos de traballo. Soamente declaracións puntuais do Conselleiro animando ás Entidades a non "cortar a billa" do financiamento ás empresas, ou louvando a fortaleza dalgunhas Entidades galegas.
Dende a CIG entenden que é preciso abordar con urxencia unha nova Lei de Caixas de Aforros no Parlamento Galego, así como abordar unha Lei financeira galega para regular a actividade das Entidades financeiras que actúan en Galiza en coordinación co Banco de España.
Maior control e seguimento aos Bancos
Entenden tamén que é preciso establecer un maior control e seguimento aos Bancos e nomeadamente ás Caixas de Aforros tanto por parte da Consellería de Economía como do Banco de España, para anticiparse aos acontecementos e evitar posibles situacións como as que se están a vivir en EEUU e nalgúns países europeos.
Dende o Sindicato nacionalista, primeira forza sindical no sector financeiro galego, afirman con rotundidade que en ningún caso aceptarían recortes no emprego ou nas condicións laborais, como xeito de facer fronte a un hipotético problema nalgunha das Entidades que actúan en Galiza.
➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!
Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto
https://i.gal/Afiliate
[.pdf • 182 kB]Folla
https://i.gal/AfiliateCIG
[.pdf • 1'09 MB]
Ningún comentario:
Publicar un comentario