18 de decembro de 2023

AEB: «Non hai perda de poder adquisitivo»

Vivimos en realidades paralelas. A patronal considera que non hai perda de poder adquisitivo, e pon o contador a cero desde o 1 de xaneiro de 2024.

Mobilización na Coruña o pasado venres 15 de decembro (2023)

Na última xuntanza, o pasado 14 de decembro, a patronal AEB fixo unha proposta de convenio que non contempla a recuperación do poder adquisitivo perdido nos últimos anos e afonda na perda de dereitos e salarios a futuro.

SALARIOS% de incremento salarial a repartir en catro anos, sen cláusula de garantía salarial referenciada o IPC, e aplicando a de compensación e absorción. A suba que propoñen é un 2,25 % para os anos 2024 e 2025, e un 1,25 % para os anos 2026 e 2027.

MOBILIDADE XEOGRÁFICA: ampliar de 25 a 50 km. O incremento da mobilidade facilita aos bancos unha ferramenta de presión e castigo, ao tempo que incide negativamente no salario do persoal, xa que os custes desa mobilidade son asumidos polos traballadores e traballadoras.

ANTIGÜIDADE: Consideran que é un concepto salarial obsoleto que hai que suprimir. No caso de aceptar a súa eliminación, revisarían a súa proposta de suba salarial, que en ningún caso contemplaría a cláusula de garantía salarial nin a eliminación da compensación/absorción.

A CIG xa manifestou na mesa de negociación que se trata dunha proposta inaceptable, non imos asumir a perda de máis dereitos e, nun contexto de beneficios récord no sector, seguiremos reclamando a recuperación do poder adquisitivo perdido e subas salariais que garantan o seu mantemento a futuro.

Presentamos unha proposta de salarios centrada nesa recuperación, cunha paga lineal equivalente o 15 % do salario medio de convenio, nin compensable nin absorbible. Paga a consolidar en táboas.

Un incremento salarial anual do IPC +5 %, para os próximos tres anos, cun mínimo do 5 %, afectando a todos os conceptos de convenio sen exclusión.

Supresión da cláusula de compensación e absorción, xa que a súa aplicación non recoñece as responsabilidades asumidas e o esforzo realizado, tanto no desempeño das funcións como na continua actualización da capacitación para ese desempeño.

A proposta da patronal require dunha resposta firme e contundente por parte do conxunto das traballadoras e traballadores do sector. Se non desisten das súas pretensións, a mobilización é a resposta, que xa iniciamos o pasado día 15, chegando á folga se é necesario. Está nas mans de todas e todos cambiar o rumbo que queren marcar.

É o momento de RECUPERAR o que perdemos, non de seguir perdendo dereitos




➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!






Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto   http://i.gal/Afiliate [.pdf • 182 kB]
Folla       http://i.gal/AfiliateCIG [.pdf • 1'09 MB]




Convenio Galego Xa!
Comunicado 231218 [.pdf · 429 kB]



Ningún comentario: