Amosando publicacións coa etiqueta censura. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta censura. Amosar todas as publicacións

23 de maio de 2017

O BBVA pretende impoñer aos sindicatos o que poden dicir e o que non

Recentemente, a dirección de Relacións Laborais do BBVA negouse a remitir a través da intranet do Banco un comunicado de un dos sindicatos asinantes, no que se chamaba ás manifestacións do 1º de Maio, co argumento de que non tiña contido estritamente laboral.

Lembremos que no BBVA está vixente un acordo para o exercicio da función sindical, asinado no ano 2014 polos sindicatos estatais. Nese acordo estipúlase que o Banco habilitará na súa Intranet un sistema para o envío de comunicacións a todas as e os traballadores. Ademais de establecer uns límites cuantitativos, di literalmente que «A información a transmitir deberá ter contido estritamente laboral e relacionado directamente co exercicio das funcións de representación legal dos traballadores…».

19 de setembro de 2014

Poderoso cabaleiro é Don Diñeiro

Onte, 18 de setembro, a CIG, sindicato maioritario e máis representativo de Galiza, NON asinou o acordo de medios proposto pola empresa na mesa de relacións laborais en Madrid. Este acordo, cociñado co amparo dos sindicatos estatais e feito á medida deles cunha clara intención: repartirse o pastel sindical e deixar fóra aos sindicatos nacionalistas, históricos representantes dos pobos Galego, Vasco e Catalán, historicamente tamén máis belixerantes coa empresa e coa independencia de criterio como bandeira, primando os intereses das persoas as que representan, vós, fronte os da empresa.

Lembro a frase dun empresario… «que doado sería traballar se non existisen os sindicatos»… Seica botaba en falla os sindicatos verticais de tempo atrás. Pois semella que ese día xa chegou a BBVA. Onte CC.OO, UGT, Cadros e CGT veñen de perpetrar unha das maiores accións antisindicais da longa historia desta empresa, asinando a renuncia expresa á liberdade de actuación, á liberdade de expresión, mediante a aceptación formal da inxerencia da empresa en asuntos que non lle son da súa competencia. E non porque o digamos nós, senón porque así o estipula a Lei vixente, a Lei Orgánica de Liberdade Sindical e o Estatuto dos Traballadores, que defenden a independencia dos sindicatos como única garantía destes para poder representar e defender os intereses dos traballadores e das traballadoras.

Se o banco ten que dar a súa aprobación a quen é ou non é representante sindical… que garantía tendes vós, compañeiros e compañeiras, de que as persoas elixidas van ter posta a súa prioridade nos vosos intereses? Credes que pasarán a criba as máis críticas? NON; xa se encargarán de darlle o paso aos palmeiros, aos manipulables, aos peóns que lle sirvan os seus propósitos e lle fagan máis doada a súa folla de ruta.

marioneta/títere

Se se acepta a supervisión, o control do banco no ámbito da comunicación co cadro de persoal… á hora de pasar esta CENSURA, canto do que vos interesa vai quedar escurecido polo ánimo do censor? Canto quedará na propia autocensura de quen redacta?