A Confederación Intersindical Galega (CIG) ten convocada unha nova folga xeral para o vindeiro 27 de xaneiro en contra das políticas «anticrise» adoptadas polos gobernos, nomeadamente a pretensión de reformar o sistema público de pensións, que o Secretario Xeral cualificou como «o maior ataque aos dereitos da clase traballadora dende o franquismo». A central anima a CC.OO e a UGT a sumarse á convocatoria, que coincide no tempo co paro xeral anunciado polos sindicatos vascos, e adiantou que está disposta a flexibilizar a data de cara a consensuar un día común, co obxecto de fortalecer a resposta social. En todo caso, a convocatoria de folga xeral realizarase antes do 28 de xaneiro, xornada marcada polo goberno español para sacar adiante a súa proposta de reforma das pensións.
Os falsos argumentos para xustificar a reforma das pensións
Se ningunha das reformas que o goberno veu aprobando até agora está xustificada, a modificación das pensións só obedece a unha estratexia para facilitar liquidez e recursos á banca. Suso Seixo, o Secretario Xeral da CIG, afirmou que «se Zapatero e o seu goberno fosen minimamente honrados o que deberían facer é dimitir e pasar a cobrar a súa nómina do BBVA ou o Banco Santader, xa que traballan para a banca e non para a maioría da sociedade».
Para xustificar esta reforma, aclarou, estanse recorrendo a informes de “expertos” que teñen situado a quebra do sistema público de pensións no horizonte do ano 2040, estudos de dubidosa rigorosidade cando previamente vaticinaron esta quebra no 2005, 2010, etc.. Utilízanse, así mesmo, argumentos falsos que pretenden vincular a viabilidade do sistema á evolución demográfica, é dicir, ao avellentamento da poboación. «O futuro das pensións tense que vincular ao número de activos, que son quen pagan as pensións dos pasivos, e á propia calidade dos salarios», aseverou Seixo. «Polo tanto, aplicando políticas de fomento do emprego e de salarios dignos, están máis que garantidos os ingresos á seguridade social».
Fronte a estes argumentos catastrofistas, Seixo lembrou que o superávit da Seguridade Social está por enriba dos 60.000 millóns de euros, e que no terceiro trimestre de 2010, cunha taxa de paro do 20%, o sistema rexistraba un superávit de 11.000 millóns de euros. «Haberá que preguntarlle a estes expertos que previsións teñen de desempregados/as para o 2040 para crer que vai ser deficitaria a seguridade social. Pensan que haberá un 40% de parados/as?”, preguntou.
Outro dato que se esgrime refírese ao incremento substancial das pensións no PIB futuro, facendo o sistema insostíbel. Porén, os datos actuais tiran polo chan este argumento. No ano 1995 o peso das pensións no PIB representaba o 8%. En 2008, cun incremento de 1.5 millóns de pensionistas, esta cifra reduciuse ao 7,8%, ao incrementarse de forma significativa o Produto Interior Bruto. A falacia do argumento consiste en baremar só unha das variábeis sen ter en conta o propio crecemento do PIB.
Desigualdades sociais e garantías
Alén de resultar tremendamente beneficiosos para o capital financeiro e o seu modelo especulativo, a xeneralización dos sistemas privados de pensión creará graves desigualdades sociais entre aqueles/as traballadores/as en precario que non poidan acceder a un sistema complementario de pensións e aquelas persoas con maior capacidade de aforro. Isto, alertou, provocará que un sector moi amplo da poboación só teña posibilidade de percibir as pensións mínimas.
Do mesmo xeito, a CIG recalca que único sistema garantista é o público, porque os pagos se afrontan coas achegas dos/as traballadores/as en activo. Por iso, Seixo apuntou que, ao estar suxeitos aos movementos especulativos, os fondos privados de pensións non poden garantir a súa propia supervivencia e, ao igual que acontece neste momento, «se os estados non saísen en defensa do sector financeiro, moitos destes fondos estarían en quebra».
Chamamento á UGT e CC.OO
Durante a comparecencia, Seixo aclarou aclarou que a CIG comunicou a súa decisión de convocar folga xeral o 27 de xaneiro aos Secretarios Xerais de UGT e CC.OO en Galiza, animándoos a sumarse a esta convocatoria; mais tamén explicou que a central nacionalista está aberta á posibilidade de mudar de data. Se a nivel estatal UGT e CC.OO deciden adoptar outro día para a folga xeral, previo ao 28 de xaneiro, a CIG «non terá inconveniente en consensuar unha data para conseguir unha maior resposta social».
Dende a CIG advertiuse da necesidade de contestar contundentemente a todas estas políticas neoliberais, porque, do contrario, «estaremos diante dun escenario moi complicado para a clase obreira». Neste senso, afirmou que a folga xeral do pasado 29 de Setembro obxectivou que cando o movemento obreiro actúa con coherencia «hai motos miles de traballadores e traballadoras dispostos a dar a cara»
➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!
Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto
https://i.gal/Afiliate
[.pdf • 182 kB]Folla
https://i.gal/AfiliateCIG
[.pdf • 1'09 MB]
Ningún comentario:
Publicar un comentario