30 de novembro de 2009

Pola estabilidade laboral para o persoal das ETTs

Aínda que o proceso de redución do cadro de persoal do BBVA continúa, e despois de bastantes días, a empresa decidiuse a retomar as contratacións de persoal, disque con vocación de permanencia.

A selección, aberta na web de BBVA, anda na procura de cubrir postos de xestión comercial, e esixe coma sempre uns requisitos académicos que complementan cuns límites de idade que sabemos que non teñen máis motivación que a de anotarse ás subvencións de contratos en prácticas.

O certo é que a escaseza de persoal e a falla de contratacións para postos estruturais que levan baleiros incluso máis de tres anos, fixeron que compañeiros e compañeiras aos que adoitabamos ver un ou dous meses ao ano, e que remataban por atopar outros traballos máis estables, levan concatenando contratos temporais ata esgotar os límites legais ano tras ano e xa forman parte dos nosos cadros de persoal.

Falamos de persoas ás que as oficinas reclaman, e incluso se disputan, polo magnífico desempeño que fan das súas funcións e, en moitos casos, de moito máis, xa que ¿en cantas oficinas pequenas non veñen facendo contratacións, labores comerciais e o que faga falta?

Cremos que non é razoable que a experiencia adquirida, e a valía e capacidade demostradas, teñan menos valor que ter menos de 30 anos. As contratacións non van ser tantas na nosa UTRH, e cremos que teñen moreas de candidatos e candidatas sen ter que ir fóra a buscar.

Dende a nosa Sección Sindical, reivindicamos o dereito destes traballadores e traballadoras a que se lles recoñeza o labor realizado mediante unha estabilidade laboral que xa deberan ter dende hai moito tempo.

Recomendamos a aqueles e aquelas de vós, que esteades nesta situación, que fagades a solicitude, e que pidades referencias nas oficinas nas que traballastes, e pedimos a colaboración de quen poida dar ditas referencias para que así o faga, axudando a que se faga xustiza coa situación dos nosos compañeiros e compañeiras.

Se tedes calquera dúbida sobre a vosa situación ou os vosos dereitos non deixedes de contactar cos vosos e vosas representantes sindicais.




➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!





Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto   https://i.gal/Afiliate [.pdf • 182 kB]
Folla       https://i.gal/AfiliateCIG [.pdf • 1'09 MB]






Ningún comentario: