13 de maio de 2009

Manifestación contra a reconversión do sector financeiro






Delegados e delegadas do sector financeiro manifestáronse o martes 12 de maio polas rúas da para protestar contra a reconversión iniciada por Bancos e Caixas ,que levou ao peche de 100 centros de traballo (oficinas e departamentos centrais) e a destrución de máis de 500 empregos dende o mes de decembro. Esta mobilización percorreu as principais rúas do centro desta cidade, e rematou diante da sede do Banco de España na Coruña.

"Estamos ante un caso único no mundo, un Goberno e un Organismo público están esixindo a empresas con beneficios que pechen centros de traballo e despidan ao seu persoal, despois de inxectarlle 150.000 millóns de euros en axudas públicas." Así de contundente foi o Secretario Nacional da Federación de Banca e Aforro ao inicio da manifestación que partiu ás 11:30 da mañá dende a Delegación do Goberno.

"Non á reconversión"

Posteriormente os manifestantes percorreron as rúas do centro da Coruña, pasando por diante das sedes centrais da maior parte das entidades financeiras que actúan na Galiza. Durante a mobilización foron frecuentes os berros contra a reestruturación de Bancos e Caixas: "Non á reconversión", "Esta crise que a pague o capital" ou "Non aos despedimentos subvencionados" foron algúns dos berros máis coreados.

Entrega dun documento no BE

Entón a manifestación dirixiuse á sucursal do Banco de España, onde os e as manifestantes permaneceron concentrados, ata que unha representación conseguiu acceder ao interior do Organismo público, supervisor do sistema financeiro, para entregar un escrito que relataba os motivos da protesta.

Que a protesta rematase ante o Banco de España non foi casual, xa que cando a CIG tivo coñecemento de que esta Entidade emitira unha circular dirixida a Bancos e Caixas na que instaba ao peche de centros de traballo, dirixiuse ao Gobernador do mesmo requiríndolle unha explicación, sen que ata o día de hoxe tivera ningún tipo de resposta.

Pecharon 100 centros de traballo

"Xa pecharon 100 centros de traballo na Galiza" denunciou Clodo Montero na intervención final, "pero o Banco de España e o Ministerio de Economía consideran que non é suficiente e reclaman máis peches de oficinas e cando piden peches están xogando cos nosos postos de traballo", continuou, "e os traballadores e traballadoras non imos quedar calados".

Denunciáronse tamén as políticas financeiras tanto previas a crise "permitindo que Bancos e Caixas especulasen sen control, poñendo en perigo a economía e millóns de postos de traballo", como ás posteriores, baseadas en dar ata 25 billóns das antigas pesetas en axudas públicas aos malos xestores tamén sen ningún control.

Púxose como exemplo que, mentres a semana pasada o Goberno Portugués condicionou as axudas ás Entidades financeiras a unha rebaixa das retribucións das altas Direccións, o Goberno Central do PSOE limitouse a criticar de xeito oportunista os salarios dos banqueiros, pero sen tomar medidas legais. Na mesma liña, criticou que Bancos Privados estean pagando dividendos aos accionistas con cargo ás axudas públicas.




➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!





Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto   https://i.gal/Afiliate [.pdf • 182 kB]
Folla       https://i.gal/AfiliateCIG [.pdf • 1'09 MB]






Ningún comentario: