22 de decembro de 2009

A CIG reúnese coa Consellería de Traballo para analizar a situación laboral no BBVA

O día 25 de novembro tivo lugar esta xuntanza, na que una representación da nosa Sección Sindical puido falar co Director Xeral de Relacións Laborais, dalgúns temas preocupantes no eido laboral en xeral e máis en particular de problemas que afectan ao persoal do grupo BBVA.

Reunión coa UTRH noroeste

O día 1 de decembro reunímonos coa responsable de Relacións Laborais da nosa Territorial. É habitual que manteñamos conversas coa empresa, pero nesta ocasión estaba pendente unha reunión co Xefe de RRHH, que non se celebrou polo inminente cambio de titular nese posto, que terá efectividade o primeiro de ano. Por esta razón e pola importancia dos temas que se trataron, cremos que vos debemos dar cumprida información do sucedido na mesma.

Plan Igualdade

O día 10 de decembro a nosa Sección foi convocada a unha nova reunión en Madrid para comentar a situación do Plan de Igualdade. O BBVA non fixo modificación algunha (salvo unha actualización legal) ao texto proposto en xuño, e o resto de sindicatos non fixeron ata ese momento achega ningunha excepto nós, que aportamos suxestións e correccións en febreiro ao diagnóstico, en xuño ao tratamento do proceso e á escasa información achegada, e finalmente, en resposta á proposta de Plan do BBVA en setembro.

Nin houbo nin hai a día de hoxe resposta a ditas achegas, aínda que a empresa di que no mes de xaneiro, nunha nova reunión, se estudarán as distintas propostas.

11 de decembro de 2009

Pechar sábados ou abrir tardes?

Hoxe, dez de decembro, tivo lugar unha reunión da Mesa de Relacións Laborais, sobre a negociación de Plan de Igualdade na que, de xeito sorpresivo, cando menos para a maioría dos sindicatos alí presentes, o BBVA presentou unha proposta de acordo para o peche de oficinas en sábado.

Dado o gran interese que o persoal amosa por esta reivindicación, non podemos menos que sacar esta nota urxente coas primeiras impresións sobre o tema.