16 de novembro de 2023

AEB: Suprimir/conxelar a antigüidade e ampliar a mobilidade xeográfica

No día de onte, 15 de novembro, celebrouse a segunda reunión da mesa de negociación do colectivo de banca.

Dende a CIG reivindicamos a urxente necesidade de recuperar o poder adquisitivo perdido nos últimos doce anos, e referenciar calquera suba salarial ao IPC, ao tempo que se garante o mantemento do poder adquisitivo a futuro.

A perda acumulada con carácter xeral, desde o ano 2011 (convenio 20112014, onde se suprime a cláusula de revisión salarial) é superior o 14 %. A esa perda hai que sumarlle a conxelación salarial que se deriva en cada caso da cláusula de compensación e absorción, que fai que moitas compañeiras e compañeiros teñan o seu salario conxelado desde hai dez anos ou máis. Cláusula que a patronal xa ratificou que non ten intención de suprimir do convenio.

A negociación dos plans de igualdade no sector puxo de manifesto a falta de igualdade e transparencia retributiva que hai nas empresas. Xa no anterior convenio reclamamos abordar na mesa de convenio esta materia coa necesaria amplitude e interese. Agora, cos datos por riba da mesa, non hai escusa.

Propoñemos un convenio cunha vixencia de dous anos. O anterior asinouse por un período de cinco anos (con subas salariais ínfimas e sen cláusula de revisión axustada á evolución do IPC), o que fixo que a perda de poder adquisitivo que arrastrábamos se incrementase notablemente no último convenio.

Antigüidade: AEB non quere falar de revisión salarial e recuperación de poder adquisitivo en tanto non coñeza o alcance da proposta xeral de convenio das distintas organizacións. Fai fincapé en que a antigüidade é un elemento que forma parte do salario, e polo tanto se falamos de salarios é necesario falar de antigüidade. Recordamos que no anterior convenio xa quedou conxelada a antigüidade desde o momento en que non se repercute a suba en táboas sobre este concepto; é dicir, devengamos trienios pero o seu valor quedou conxelado.

Mobilidade Xeográfica: a patronal volve sobre o tema da mobilidade, e reclama máis «flexibilidade» (ampliar o límite actual dos 25 km.) para mover o persoal, dada a redución dos cadros de persoal e oficinas no sector.

A próxima reunión será o xoves 14 de decembro.

Con beneficios récord a patronal bancaria quere seguir recortando dereitos!

A CIG NON SERÁ CÓMPLICE




➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!






Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto   http://i.gal/Afiliate [.pdf • 182 kB]
Folla       http://i.gal/AfiliateCIG [.pdf • 1'09 MB]




Convenio Galego Xa!
Comunicado 231116 [.pdf · 93 kB]



Ningún comentario: