8 de novembro de 2017

Como identificar o acoso, o primeiro paso para poder combatelo

«En el paro hay mucha gente deseando trabajar»
«Como me enfade voy a sacar el palo»
«O Cumples o te vas a la calle»
«Si no te gusta trabajar aquí, vete»
«Parece que quieres estar en el Pool de Bajo Desempeño»

Escoitaches algunha vez estas frases? Dixéronchas a ti? Pois son típicas dos casos de acoso laboral. Deberías seguir lendo.
Que sexan habituais na empresa non resta gravidade á situación, o acoso laboral é un delito penado con cadea, conforme ao Código Penal.

Código penal, Título VII das torturas e outros delitos contra a integridade moral

Artigo 173
  1. — O que infrinxira a outra persoa un trato degradante, menoscabando gravemente a súa integridade moral, será castigado coa pena de prisión de seis meses a dous anos.

    Coa mesma pena serán castigados os que, no ámbito de calquera relación laboral ou funcionarial e valéndose da súa relación de superioridade, realicen contra outro de xeito reiterado actos hostís ou humillantes que, sen chegar a constituir trato degradante, supoñan grave acoso contra a vítima.

A persoa que acosa no traballo é unha delincuente e como tal debe ser tratada, debe denunciarse e non calar, pero non sempre é así. Moitas veces as empresas xeran incluso espazos de impunidade, nas vítimas pesa o medo a perder o posto de traballo.

Incluso hai direccións permisivas ou que utilizan o acoso coma unha ferramenta na xestión dos recursos humanos.

Pola propia definición trátase de actos continuados, co obxectivo de producir danos físicos ou psíquicos (por exemplo someter a unha persoa), sen chegar a ser un trato degradante (por exemplo cuspir).

NON sería acoso laboral

  • Se un/unha superior te chama a atención de xeito puntual.

SI sería acoso
  • Un/unha superior menospreza o teu traballo de xeito recorrente, diante dos demais compañeiros e compañeiras (por exemplo enviando correos nos que apareces en vermello polo teu cumprimento).
  • Ademais recibes ameazas e frases que che faltan ao respecto e a túa profesionalidade.
  • Faino para conseguir a túa submisión absoluta, para desarmarte moralmente e poder obrigarte a acatar todas as súas ordes ainda cando estas vulneren os teus dereitos laborais.

Polo sistema de organización do traballo no banco (ríxido, autoritario, moi xerarquizado e anticuado), o risco de acoso laboral é moi elevado. E as propias políticas comerciais, onde os cumprimentos dos obxectivos están por riba de calquera consideración laboral ou persoal («cosificando» as persoas), son caldo de cultivo para o «acoso».

Para protexerte ante o acoso é importante seguir os seguintes consellos

— Imprime e garda copia de calquera correo ameazante ou humillante que recibas. Desde aqueles no que destacan en público os teus «incumprimentos» de obxectivos, até calquera outro con insultos, faltas de respecto a túa persoa ou a túa profesionalidade, ou incluso con ameazas.

— Moitas veces as humillacións ou ameazas son verbais. Se é algo predicible (chamada a un despacho, a unha reunión, etc.) trata de gravar a conversa.

— Se se producen de xeito espontáneo, procura levar un diario, apuntando día e hora, as verbas concretas, o lugar e circunstancias onde se produciron e incluso se hai testemuñas.

— Procura facer partícipes do que te está pasando á familia, amizades, aos teus médicos e ao sindicato.

— Denunciar o acoso fai que calquera medida de vinganza por parte do acosador/a ou da empresa poda ser nula (dereito de indemnidade).

En caso de dúbida, ponte en contacto coa CIG, onde hai un equipo de persoas expertas para axudarche ante esta situación.





Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto   http://ir.gl/Afiliate [.pdf • 182 kB]
Folla       http://ir.gl/AfiliateCIG [.pdf • 1'09 MB]




Comunicado 171108 [.pdf • 475 kB]


Ningún comentario: