

Hoxe en día ter traballo xa non permite os ingresos necesarios para vivir dignamente e poder acceder a dereitos básicos como alimentación e vivenda. E entre as persoas máis precarias encóntrase as mulleres, covertidas en man de obra barata, parecendo non ter fin a fenda salarial. Neste sentido, a situación de precariedade das mulleres aínda se ve incrementada cando estas pertencen á súa vez a colectivos que teñen tamén especial vulnerabilidade: mocidade ou vellez, racializadas, colectivo LGBTI…
As mulleres cobran menos na meirande parte dos sectores, en todos os niveis de formación, con calquera tipo de contrato e de xornada. Segundo os datos da Axencia Tributaria, no ano 2022 ráchase coa tendencia de diminución da fenda salarial do xénero, aumentando lexeiramente a respecto do ano 2021, ao situar no 18,7 %, isto é, as mulleres cobramos de media 4.519 € anuais menos que os homes.
A maior parte das traballadoras teñen xornadas parciais porque non se lles ofrecen xornadas completas; en concreto, no ano 2021 dispuñan de contratos indefinidos a tempo parcial 15,8 % das mulleres; en 2023 aumentaron até ser o 20 % das mulleres as que teñen este tipo de contrato, no caso dos homes pasaron do 5,6 % en 2021 ao 7,9 % en 2023. Se temos en conta o total dos contratos indefinidos a xornada non completa, sumando temporais máis fixos/descontinuos, o peso das mulleres é 2,5 veces superior ao dos homes.
Ao incremento da precariedade na contratación hai que sumar máis desemprego e temporalidade na modalidade de contratación fixa descontinua, o 60 % das persoas afiliadas á Seguridade Social con este tipo de contrato son mulleres. Unha situación de inestabilidade que redunda en salarios aínda máis baixos.
Para alén da fenda que ven dada polas formas de contratación, a maíoría da forza laboral feminina concéntrase nas ocupacións relacionadas con roles e estereotipos tradicionalmente atribuídos ás mulleres, como o coidado, a limpeza ou traballos relacionados coas emocións. Estes traballos menosprezados nin tan sequera conseguiron unha mellor valorización despois de ser considerados como postos imprescindíbeis durante a crise da Covid19. Porque ao capital interésalle ter a poboación feminina nunha precariedade constante, xa que o lucro que obteñen coa súa forza de traballo é maior.
A meirande parte das mulleres seguen desenvolvendo actividades na esfera do traballo remunerado precario e non pagado —o do coidado e limpeza no fogar—, para soster o recorte do gasto público en servizos sociais e de atención ás persoas, polo que seguen condenadas a asumir todas as tarefas extra, o cal as deixa nunha situación de sobrecarga e retroceso non seus dereitos.
O capital ten deseñado perfectamente como ter unha clase traballadora empobrecida, na que se instaura por lei a inestabilidade e inseguridade laboral. Os diferentes gobernos entréganse á aprobación de permanentes reformas laborais, dentro dun proceso de desnantelamento, desregulación e flexibilización dos dereitos e condicións laborais, que vén acompañado do fomento dunha menor protección social. Polo tanto, a precariedade e os baixos salarios que estamos a sufrir teñen causa nas reformas laborais aprobadas.
Con esta última reforma laboral abriuse unha nova fase que nos últimos meses se foi pechando até completar un programa de reformas, como a da Formación Profesional, a do subsidio por desemprego, a das pensións e a da implantación dos plans de emprego de pensións, moi lesivas e regresivas para nós, as mulleres, xa que están feitas para satisfacer as exixencias da UE e recibir uns fondos europeos que están a hipoecar o noso futuro, sen ter en cota o impacto que estas reformas están a ter no empobrecemento das mulleres traballadoras.
Dende a CIG somos conscientes de que precisamos a mobilización social para conseguir a aprobación dunha nova lexislación laboral e social feminista, que restitúa os dereitos perdidos e favoreza novos dereitos e regulacións que nos fortalezan como clase traballadora galega. Son urxentes medidas eficaces para lograr unha valorización económica dos traballos e funcións feminizadas, que rematen coa precariedade, co empeoramento das condicións dde traballo, co abuso da parcialidade e a contratación fixa descontinuá, así como, coa temporalidade en todos os sectores de actividade tanto do ámbito privado como nas diferentes administracións e empresas públicas.
Temos a responsabilidade de construír unha alternativa desde os centros de traballo que rache coa paz social imposta e que non se subordine ao goberno aceptando a chantaxe de que senón ven a dereita. E son numerosos os exemplos de sectores en conflito que conseguiron mellorar as condicións de traballo coa súa loita, porque nin a patronal nin as administracións públicas están dispostas a comprtir un anaco do seu pastel.
Sabemos que cada unha das conquistas en relación coa igualdade de xénero é resultado da loita feminista. É o momento de poñer novamente no centro das reivindacións feministas a cuestión laboral.
Polo avance nos dereitos das traballadoras galegas, mobilízate coa CIG este 8 de marzo!
➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!
Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto
http://i.gal/Afiliate
[.pdf • 182 kB]Folla
http://i.gal/AfiliateCIG
[.pdf • 1'09 MB]
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Por favor teña en conta estas pautas...
Evite os insultos, palabras groseiras, alusións sexuais, vulgaridades ou vulgares simplificacións.
Non sexa gratuitamente ofensivo, e menos aínda, inxurioso.
Os comentarios deben ser pertinentes. Respecte o tema formulado na publicación ou aqueles que xurdan de xeito natural no curso do debate.
En Internet, adóitanse utilizar alcumes no canto do propio nome, pero usurpar o doutro/a lector/a é unha práctica inaceptable.
Non escriba en MAIÚSCULAS. Na linguaxe de Internet interprétanse como berrar e dificultan a súa lectura.
Calquera comentario que non se ateña a estas normas poderá ser borrado e calquera comentarista que as rompa de xeito habitual poderá ver cortado o seu acceso aos comentarios do blogue da CIG BBVA