2 de agosto de 2018

BBVA executa un novo despedimento inxusto e inxustificado

O pasado venres 27 de xullo, a Xefa de Relacións Laborais da Territorial, acompañada do Director de Zona de Galiza–Sur, entregou carta de despedimento a unha xestora comercial, como conclusión a un expediente aperturado escasos días antes. A carta, referida a aspectos de actitude e conduta, contén inexactitudes, incertezas e non se axusta á realidade, polo que pensamos que o verdadeiro motivo do despedimento foi ter estado en situacións de baixas laborais por enfermidade e ter solicitado actualmente unha redución de xornada por coidado de filla, nunha oficina desbordada de traballo e cunha dotación de persoal manifestamente insuficiente.

Do amplo abano disciplinario do que dispoñen as empresas, o despedimento dun traballador ou traballadora debe ser o último chanzo e unicamente para o caso de faltas moi graves. A sanción imposta á compañeira é absolutamente desproporcionada e non todo vale! Este despedimento é consecuencia das carencias organizativas e de xestión de persoas nun entorno cunha presión comercial esaxerada, con falta de persoal na oficina por baixas prolongadas de varios compañeiros e compañeiras (suplido con contratacións temporais sen experiencia), etc. E a solución pasa, neste caso, por eliminar o síntoma antes que curar a enfermidade.

Pasaría o mesmo nunha situación laboral normal na oficina? Coa debida dotación de persoal? E se a resposta é NON, de quen é a culpa? Quen é responsábel?

E  T&C   executa sen contemplacións, xusta ou inxustamente como é o caso. De sobra sabemos como actúa T&C ultimamente, sen ápice de humanidade, arruinando vidas.

Como non podía ser doutro xeito, todo o apoio desta Sección Sindical á nosa compañeira inmerecidamente despedida. Chegaremos até onde ela queira chegar, sen escatimar medios e esforzos, por nós non vai quedar, co único OBXECTIVO da READMISIÓN. Porque é o xusto e o natural.

NON aos despedimentos no BBVA!!!
Despedida, readmisión!!!





Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto   http://ir.gl/Afiliate [.pdf • 182 kB]
Folla       http://ir.gl/AfiliateCIG [.pdf • 1'09 MB]




Comunicado 180802 [.pdf • 194 kB]


Ningún comentario: