3 de xullo de 2018

Melloras laborais: a negociación colectiva é cousa de todos

A semana pasada, algunhas organizacións sindicais emitiron un comunicado lamentando a falta de vontade negociadora do Banco para lograr unha actualización dos beneficios sociais recollidos no Acordo de 18 de outubro de 2007.

Cabe recordar que este Acordo, asinado por algúns destes sindicatos, dicía que «en el año 2013 se procederá a la revisión del conjunto de este Acuerdo, y especialmente de la actualización de los capítulos de Ayuda a Discapacitados, Seguro de Vida y Apartamentos/Hoteles».

Isto xa debería ser un feito. Pola contra, aínda estamos na fase de lamentación.

Os sindicatos asinantes desta circular estamos totalmente de acordo con esta denuncia respecto á falta de vontade negociadora do Banco e defendemos a negociación colectiva como o mellor instrumento para chegar a acordos. Agora ben, se o Banco non acepta a vía da negociación haberá que recorrer á vía xudicial, que ultimamente é a única que permite avanzar en beneficio dos traballadores e das traballadoras desta entidade.


Sobre a Negociación Colectiva

A negociación colectiva é un dereito inapelable de todas as organizacións sindicais presentes no Banco e, por iso, en calquera negociación participamos todas as organizacións con representación na entidade.

É evidente que o cadro de persoal do BBVA temos o dereito e merecemos que as nosas condicións laborais melloren, non só no que respecta aos beneficios sociais senón tamén en outros aspectos que todos os sindicatos (sen exclusións) estamos reivindicando á empresa dende 2016 (Plan de igualdade, achegas ao Plan de Pensións, negociación do Acordo do Contigo…).

Sorprende que algúns sindicatos fagan comunicados apelando á negociación pero excluíndo no comunicado a unha parte da representación elixida polos traballadores e polas traballadoras do Banco. Entendemos que isto debilita a negociación colectiva e a defensa dos intereses das nosas compañeiras e compañeiros.

Hai que cambiar esta maneira de facer, excluínte e incluso un punto sectaria, que pon por diante o protagonismo das organizacións por riba dos intereses dos traballadores e das traballadoras. Esta maneira de facer non funciona e prexudica os nosos dereitos laborais. Hai que buscar novas maneiras, máis participativas e onde os sindicatos de sempre saiban escoitar as opinións de todos os compañeiros e compañeiras.

Polo tanto, apelamos ao traballo en común como a mellor maneira para avanzar e defendemos a negociación colectiva. Pero é necesario que ao Banco lle quede claro que se a negociación non é posible, haberá que buscar outras vías para avanzar na defensa dos intereses laborais do cadro de persoal do BBVA.

Co compromiso constante coa defensa dos intereses das nosas compañeiras e compañeiros, manterémosvos informad@s sobre calquera avance na negociación.


CIG · ELA · Intersindical-CSC · LAB · SEC




➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!





Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto   https://i.gal/Afiliate [.pdf • 182 kB]
Folla       https://i.gal/AfiliateCIG [.pdf • 1'09 MB]




Comunicado 180703 [.pdf • 160 kB]


Ningún comentario: