23 de xaneiro de 2018

Será o Tribunal de Xustiza Europeo o que decida se o rexistro de xornada é obrigatorio

Despois dos fallos do Tribunal Supremo español

O Tribunal Supremo non terá a última palabra, un auto da Audiencia Nacional, por un conflito colectivo contra o Deutsche Bank, trasladou á xustiza europea se o Estado español cumpre a lexislación laboral da UE permitindo que as empresas non rexistren a xornada e polo tanto facilitando a fraude e o abuso patronal. A CIG que é parte do conflito, estivo de acordo co traslado do caso a Europa.

Continúa a batalla contra a extensión ilegal da xornada laboral, horas extras que non se recoñecen, non se pagan ou compensan e se defraudan á Seguridade Social.

É preciso lembrar que a CIG abandeirou esta batalla coa presentación no seu día de conflitos colectivos contra os bancos (Abanca, BBVA, Pastor-Popular), adheríndose aos presentados pola CGT no Santander. Inicialmente a Audiencia Nacional fallou a favor dos traballadores/as, pero a daquela recente renovada Sala do Supremo deu a razón ás empresas.

O 15 de xuño de 2017 a CIG dirixiuse a todos os grupos do Congreso dos Deputados, propoñendo un texto de proposición de Lei, para que existise un control real sobre a xornada laboral. Dous días despois de enviada a nosa proposta presentábase unha iniciativa do PSOE e posteriormente unha de Bildu. Logo, o Congreso aprobaría a proposta, que se atopa en fase de tramitación.

Agora a Audiencia Nacional dá un paso máis, trasladando o caso a Europa. Agardamos que a sentenza sexa positiva poñendo fin a fraude nas horas extras; non sería a primeira vez que a xustiza europea emenda sentenzas do Supremo favorables aos bancos.




➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!





Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto   https://i.gal/Afiliate [.pdf • 182 kB]
Folla       https://i.gal/AfiliateCIG [.pdf • 1'09 MB]




Comunicado 180123 [.pdf • 104 kB]


Ningún comentario: