4 de decembro de 2017

A CIG denuncia perante o Parlamento que o PP baleira de contido a ILP por unha tarifa eléctrica galega

O PP rexeita, por «separatista», a enerxía como dereito universal, combater a pobreza enerxética e favorecer a nosa industria. A CIG denunciou diante do Parlamento galego que anular a ILP é un «atentado democrático».



    Imaxe: CIG (cc) BY-NC-SA

O Partido Popular rexeitou esta mañá por «separatista» a proposición de lei por unha tarifa eléctrica galega, que reconverteu nunha lei pola eficiencia enerxética, constatando así a súa actitude «silenciosa e servil ante os poderosos e contundente, represora e negadora dos dereitos de quen pedimos medidas contra a pobreza enerxética e para o desenvolvemento industrial do noso país». Porén, este mesmo partido non tivo problema algún para crear, cando se aprobou a Lei Eléctrica hai tres anos, unha tarifa industrial vasca, nin para defender esa rebaixa tarifaria diante de Competencia da UE, hai apenas un mes. Así o denunciou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, no decurso da concentración convocada pola central sindical diante do Parlamento galego.

Carril cualificou ademais como «grave atentado á democracia» deixar sen efecto e anular, de facto, o contido dunha Iniciativa Lexislativa Popular que chegou ao Parlamento de Galiza con máis do dobre das sinaturas necesarias, co apoio de máis de 50 concellos, entre eles os de 6 das 7 grandes cidades galegas, e de 3 deputacións provinciais. Unha Iniciativa Popular que foi aprobada por unanimidade polos grupos da cámara, incluído o propio PP que, porén, hoxe decidiu vetala.

O secretario xeral da CIG lembrou que daquela a central sindical conseguiu que, por primeira vez, se puidera discutir no Parlamento de Galiza sobre a capacidade de reverter recursos tan importantes como o enerxético no noso beneficio. Por iso denunciou que agora «atopámonos que o PP despois de a ter admitido a trámite pretende deixala sen efecto reconverténdoa, sen respectar unha tarifa eléctrica galega e sen respectar tamén que poidamos utilizar a enerxía como un servizo público para combater a pobreza enerxética e para mellorar o benestar social».

Xunto a isto denunciou a renuncia do PP a gobernar en prol das necesidades do país e para mellorar a calidade de vida das galegas e galegos. Neste sentido considerou grave que «tendo competencias non as exerza para reverter a situación e aproveitar os nosos recursos para o noso desenvolvemento económico e industrial; para que a tarifa eléctrica, para os galegos e as galegas, sexa máis barata, ao igual que para a nosa industria; para favorecer o asentamento industrial e garantir a creación de emprego no noso país». Por iso concluíu que «Feixóo, cando ten competencias, non as exerce e cando non as ten, non as demanda». Conivencia coas eléctricas.




Máis info:


Ningún comentario: