23 de novembro de 2017

Violencia: Nin na rúa, nin no traballo, nin na casa

Durante o mes de novembro veremos en máis dunha ocasión imaxes de mulleres vítimas da violencia, unha realidade que durante o resto do ano permanece agochada, agás polas novas de asasinatos ou agresións recollidas na prensa, que nos removen e indignan ao instante, mais que logo se esquecen, como se falaramos de sucesos puntuais e non dun problema social.

A meirande parte dos esforzos en combater a violencia machista céntranse nas vítimas e non en quen exerce a violencia, que é cara a quen debe poñerse o foco. Porque para previr a violencia hai que tratar de evitata na orixe, eliminando as súas causas estruturais, promovendo relacións de respecto e igualdade desde idades temperás. E isto será posíbel na medida en que o xénero masculino comece a cuestionarse o lugar que ocupa na sociedade, en que mulleres e homes interioricemos as desigualdades e rachemos coas normas sociais que perpetúan o control e o poder que os homes exercen sobre as mulleres e reforzan a tolerancia cara á violencia machista. Un cuestionamento que pasa por identificar esas condutas, sexan propias ou por parte doutras persoas, e desbotalas. Por conseguir que a casa e os espazos públicos sexan máis seguros para as mulleres, garantindo a seguridade destas tamén nas súas relacións, no traballo e, en definitiva, nas súas vidas.

Por iso propomos actuar nos seguintes eidos:


EDUCATIVO:

Desenvolver materiais curriculares dende a educación temperá que reflictan e fomenten a igualdade efectiva entre mulleres e homes, eliminando estereotipos, discriminacións por motivos de orientación sexual e identidade de xénero e linguaxes sexistas. Promovendo a coeducación e formando as e os profesionais na educación para a prevención e resolución pacifica dos conflitos con obrigatoriedade de recursos de apoio diferenciados para os distintos ciclos formativos. Esta educación transversal é incompatibel co actual marco legal en materia de educación, por iso instamos a unha derrogación da LOMCE e pola creación dunha nova lei que incorpore a perspectiva de xénero.


NO ÁMBITO SANITARIO:

Formación do persoal na prevención, detección e visibilización das situacións que afectan á saúde das mulleres e que teñan como causa a violencia machista, para garantir que identifican os síntomas e poñen en marcha o protocolo de actuación.

Dotación de medios, servizos e equipos profesionais necesarios para atender unha problemática que require de moitos recursos, fundamentalmente en atención primaria, unha atención que vén sufrindo continuos recortes por parte dos gobernos do Partido Popular.


NO ÁMBITO POLICIAL E XUDICIAL:

Urxe unha mellor coordinación entre as forzas de seguridade, de xeito que a instrución dos atestados sobre violencia de xénero sexa o axeitado. E ao tempo, deberá existir unha total coordinación cos servizos sociais e programas asistenciais.

As denuncias deben ser elaboradas por parte de persoal especializado, dado que da avaliación do nivel de risco dependerá as medidas a adoptar por parte do xulgado.

Investir en formación especializada ás e aos profesionais da xudicatura, maxistratura, fiscalía, secretarias xudiciais, medicina forense e das forzas e corpos de seguridade, especialmente no caso das e dos profesionais da quenda de oficio.

Reforzar os xulgados de violencia de xénero, e non permitir o seus feches en períodos estivais.

Garantir na quenda de oficio a asistencia letrada da vítima por parte da mesma profesional en todo o proceso.


A NIVEL LABORAL:

É preciso que nas empresas exista un Protocolo de atención para traballadoras vítimas de violencia dexénero, no cal figuren os seus dereitos laborais.

Garantir e asegurar ás traballadoras vítimas o exercicio dos dereitos laborais e económicos e as prestacións da Seguridade Social que recolle a lexislación, avaliando as súas necesidades e impulsando melloras, ampliando o seu período de desfrute e aumentando as contías das prestacións económicas.

Asegurar que as traballadoras vítimas de violencia en situación de IT por enfermidade ou accidente causada pota situación de violencia de xénero, teñan dereito a unha prestación económica do 100%  da BR.

Negociar en todas as empresas e administracións un Protocolo de prevención e actuación en maleria de acoso sexual, laboral e por razón de sexo e diversidade sexual, que deberán ser negociados coas delegadas e delegados sindicais e de libre disposición e coñecemento de todo o persoal.

Pero para que todo isto sexa unha realidade, fan falta medios, investimento público e, en definitiva, unha vontade real de mudar o status quo. A mobilización é o único camiño para conseguir estas esixencias. Por iso facemos un chamamento a participar nas mobilizacións convocadas pola o 25 de novembro e nas concentracións en repulsa dos feminicidios convocadas ao día seguinte de saír publicada na prensa escrita un asasinato por mor da machista en .


VIOLENCIA:
NIN NA RÚA!!!
NIN NO TRABALLO!!!
NIN NA CASA!!!




Díptico 25N 2017 [.pdf • 2'7 MB]




Ningún comentario: