2 de outubro de 2015

Cuestionario de satisfacción 2015

Cada certo tempo, os medios de comunicación publican os resultados dos premios das mellores empresas para traballar. Uns premios con trampa, xa que o «xurado» non é outro que unha consultora que traballa para as empresas premiadas: «Great Place to Work». Na nosa opinión, formar parte da lista de GPTW debería ser motivo de escarnio público e para mostra, un botón.

En 2014, figuraban na lista dos mellores sitios para traballar empresas como ATENTO, no sector dos Centros de Chamadas, coñecida de sobra pola súa permanente conflitividade laboral, despedimentos colectivos e persecución sindical; ou Coca-Cola, envolta no Estado nun ERE declarado ilegal e acusada de asasinar sindicalistas en América Latina…

En 2015, entre as premiadas están ING, banco que ten ao persoal subcontratado a través do Convenio de Centros de Chamadas; as ETTs Adecco ou Ranstad, ou Vodafone, que anunciou un novo ERE.

Nestes días, recibimos un correo da empresa co fin de cumprimentar a Enquisa de satisfacción 2015 e temos de prazo para facelo até o 16 de outubro. Traballo que, curiosamente, contratou a «Great Place to Work».

A nosa recomendación é que a fagamos dende a verdade e o rigor. Non facelo é agochar a nosa opinión e permítelle a empresa enmascarar o descontento con resultados ficticios. Aquí van algunhas das nosas respostas:

Este é un lugar cordial para traballar?
(Definición de cordial: que demostra afecto, que fortalece o corazón). As máis das veces, non.
Danme os recursos e os equipos para facer o meu traballo?
Falso, cunha rede comercial cada vez máis minguada de persoal onde non se cobren vacacións, enfermidades,… e sobrecargada de traballo.
Aquí as persoas están dispostas a dar máis de si para facer o seu traballo?
Certo, demasiadas horas sen pagar nin valorar, excesivo esforzo sen gratificar…
Os superiores deixan claras as súas expectativas?
Por descontado, sempre queren máis, máis e máis…, nunca é suficiente.
Os superiores recoñecen que podemos cometer erros involuntarios ao facer o traballo?
Falso, cun endurecemento da política disciplinaria e o aumento de expedientes disciplinarios con sanción, por exemplo por fraudes nas transferencias dos clientes.
Sinto que recibo unha parte xusta das ganancias desta organización?
Pero, hai que responder a isto? Ben, pois a resposta é NON!!!
Síntome ben coa forma en que contribuímos á sociedade?
Dende logo que non. Sobre todo neste momento en que os fondos volven baixar unha vez máis e que fomos, e seguimos sendo presionados a «colocar» produtos á clientela que esta non demanda.
Os superiores confían en que fagamos un bo traballo sen ter que vixiarnos?
Falso, e para proba vou recontar os correos do meu responsable co seguimento individual de facturación, a ver, a ver… UN POR DÍA!. E por non falar do pool de «baixo desempeño», claro.

Contestemos sen medos nin condicionamentos, con sinceridade e rigor.




➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!





Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto   https://i.gal/Afiliate [.pdf • 182 kB]
Folla       https://i.gal/AfiliateCIG [.pdf • 1'09 MB]




Comunicado 151002 [.pdf • 163 kB]


Ningún comentario: