1 de decembro de 2014

Sen Conciencia

Os recentes despedimentos dun xestor en Compostela e dun caixeiro en Ourense, veñen referendar o fracaso absoluto dos seus superiores á hora de asumir o seu «liderado de equipos» e de RR.HH á hora de administrar ferramentas de sanción.

Volvemos agora vivir (que non é novo) os tempos da auditoría teledirixida, co propósito concreto de ir «pillar» a alguén. Pero, non nos levemos a engano, os auténticos RESPONSABLES son quen as encargan, sabedores do que poida vir despois… e sempre coa complicidade necesaria de zonas e RR.HH. Debe ser un enorme peso nas costas, un gran burato no estómago, saber que grazas a ti unha persoa pode estar na rúa sen remedio. E está pasando…


Queremos denunciar que a cara máis amarga destas situacións, témola no caso de Ourense, onde o compañeiro, inmediatamente despois de que a empresa lle recoñecese o despido como improcedente, viu afectada gravemente a súa saúde.
Causa e efecto? Os informes médicos mencionan como causa probable «un forte desgusto», e a nós non nos queda dúbida ningunha.

E, que ou quen está detrás disto? Semella que alguén xoga a ser Deus esquecendo que ten nas mans o presente e o futuro das persoas, a súa saúde. Non hai soldo dabondo que pague iso. Tamén semella que coa escaseza de persoal nas oficinas, a algún desalmado ou desalmada non lle doen prendas en facer o que sexa necesario para conseguir os seus obxectivos, e se alguén «molesta» que deixe sitio a outra persoa, a poder ser noviña e maleable. A nosa denuncia é forte e clara ante iso.


Moi significativo é que no último trimestre, practicamente a totalidade dos expedientes disciplinarios foron sancionados como faltas graves ou moi graves. Para BBVA «xa non existen faltas leves». E o máis preocupante: no 42%  dos casos a sanción foi o despedimento.

O catálogo de sancións é moi variado e debe ser sempre argumentado e proporcionado á falta cometida; e aquí está a cuestión, xa que observamos e denunciamos que non teñen o mesmo final directores con historiais de excesos de delegación, que caixeiros/as, retirando da súa conta sen ter un correo que o referende, inda estando visto pola oficina. Vese que para todo hai clases.

Compañeiros e compañeiras, está nas nosas mans loitar contra estas condutas e impedir que sexa tarefa fácil para a empresa consentilas, ocultalas ou protexelas. Non somos números, somos persoas.




➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!





Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto   https://i.gal/Afiliate [.pdf • 182 kB]
Folla       https://i.gal/AfiliateCIG [.pdf • 1'09 MB]




Comunicado 141201 [.pdf • 37 kB]


Ningún comentario: