17 de marzo de 2014

Xunta Xeral de Accionistas 2014

Xunta xeral accionistas BBVA 2014
Esta foi a intervención da representante da sección sindical da CIG no BBVA, na Xunta xeral de Accionistas do 2014



Señoras e señores accionistas, membros do Consello, Presidente e demais asistentes a esta Xunta, bos días.

Chámome Carmen García, son empregada do BBVA, e falo en nome da Sección Sindical da Confederación Intersindical Galega (CIG), sindicato máis representativo e primeira forza sindical en Galiza, así como dos compañeiros e compañeiras que coa súa delegación de voto me permiten estar hoxe aquí diante de vostedes.

Ano tras ano, vimos denunciando o trato discriminatorio que mantén esta entidade co noso idioma, o galego, fronte a outros. A pesares dos tímidos avances que vimos dende a anterior Xunta a esta, vémonos na necesidade de reclamar que, de unha vez, sexa o/a cliente/a, o foco do noso negocio, quen decida se quere atención en galego ou en castelán e, non ao contrario, que sexa o banco quen decide. Non hai escusas, señoras e señores, é unha cuestión nin máis nin menos que de vontade.

E volvendo á anterior Xunta, véxome na necesidade de lembrarlle, Sr. González, as palabras de resposta fronte ao meu compañeiro Miguel Fernández Vázquez. Na súa quenda de resposta, indicoulle (sen posibilidade de réplica!) e quizais molesto pola nosa intervención, que se o meu compañeiro tivese esa visión do seu lugar de traballo, faría tempo que non estaría traballando nesta empresa. Lamento ter que aclarar que nin el ni eu manifestamos intereses persoais ou particulares. Vimos aquí a poñer voz ao cadro de persoal ao que representamos e que confía en nós para expoñer aquilo que non é capaz de facer oír noutros foros.

Intentamos en numerosas ocasións abrir espazos de diálogo e negociación para abordar os problemas que a cotío xorden dende o punto de vista laboral no BBVA en Galiza. Desgraciadamente, é a Dirección a que se nega a dialogar e buscar solucións.

Porque no BBVA, as políticas de relacións laborais só serven para tapar a boca ao persoal e ofrecer unha imaxe irreal que non se corresponde co día a día dos meus compañeiros e compañeiras. Son esas políticas, dende as súas máis altas instancias, as que nos trouxeron aquí ano tras ano dende 2006 e que non nos deixan máis que esta vía e a dos Xulgados para facer valer os nosos máis fundamentais dereitos dende a liberdade sindical que nace da Lei, Sr. González, e non do arbitrio do departamento de RR.HH.

A día de hoxe, podemos dicir que non é a nosa opinión, nin o que diga vostede. A xustiza falou e recoñeceu que o BBVA mantivo e mantén unha actitude antisindical. Cumpran a sentenza dunha vez, Sr. Presidente. Reclamamos desta empresa que renuncie a políticas represoras e nos permita realizar o que nós entendemos que é o noso traballo e o noso deber coas persoas ás que representamos e que nos elixiron.

O BBVA tivo que modificar o sistema de retribución variable da Alta Dirección, non por vontade propia, senón por . A nova normativa aprobada pola EBA é clara e, segundo a nosa visión, sitúa a que foi até agora a política de retribucións do BBVA, dentro das que cualifica como malas prácticas. Pero, en vez de ser autocríticos, veñen aquí para subirse o salario en nada menos que 3 puntos da orde do día. Para perpetuar obscenas retribucións ao colectivo de Directivos, ao tempo que se reducen salarios e persoal na rede de oficinas.

E todo nun ano no que, por intereses egoístas, utilizouse este seu sistema de retribución variable de xeito perverso e manipulador, e non se tivo escrúpulo ningún en censurar o uso da puntuación discrecional, de tal xeito que a gran maioría vimos descualificado o noso traballo. Xa non é unha cuestión de diñeiro, senón de dignidade profesional.

Nós dicimos NON, xa basta de sistemas de retribución inxustos.

Queremos trasladar tamén a nosa decepción e malestar porque o BBVA segue discriminando á muller, manténdonos afastadas de postos directivos. O nomeamento dunha nova conselleira nesta oportunidade, sumando un total de 3, non oculta o feito de que se siga mantendo un teito de cristal, e que non exista un compromiso forte que promova políticas que leven á paulatina desaparición dos desequilibrios máis que evidentes entre homes e mulleres a medida que escalamos dos niveis intermedios á alta dirección. Son nai de dous fillos e a miña familia vive do meu traballo, e como moitas e moitos (non nos enganemos), nun momento dado elixín onde estaban as miñas prioridades e fun consecuente con elo. A realidade é teimuda cando non existen mecanismos suficientes (aparte dos benditos avós, as garderías ou as aias) para non ter que elixir, e aí é onde teñen que poñer o foco vostedes. O desequilibrio é evidente, os números non enganan e non é unha cuestión de tempo para que se axuste, é unha cuestión de esforzos compartidos.

Rexeitamos a recorrente destrución de emprego dentro da nosa empresa, que o único que provocan é deslocalización, exteriorización, precariedade no emprego, trasladando a outras empresas e a outros países, o servizo provido anteriormente por persoal do BBVA. Só vemos o fío das tesoiras que unha e outra vez recorta custes, enlentece procesos e empeora definitivamente a atención ao cliente. Como pouco, resulta paradoxal que empreguemos 22 millóns de euros en fomentar a creación de postos de traballo, coa campaña «Eu son emprego» e, por outra parte, non dispoñamos de presupostos suficientes para cubrir, non xa as vacacións do persoal, senón as baixas por enfermidade antes do cuarto mes. O barato sae caro ao longo, Sr. González, só temos que escoitar a nosa clientela que se empeña en non recomendarnos como entidade bancaria. Persisten en manter unha rede anoréxica que, segundo lle sopras enriba, colle catarro. E se non coidan da súa xente… Quen vai crer que coidan da clientela?

Por todo o exposto, o noso voto é negativo.




➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!





Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto   https://i.gal/Afiliate [.pdf • 182 kB]
Folla       https://i.gal/AfiliateCIG [.pdf • 1'09 MB]




Comunicado 140317 [.pdf • 32 Kb]


Ningún comentario: