4 de febreiro de 2013

O persoal de Novagalicia, Bankia e Banco de Valencia defende o seu posto de traballo, pero tamén os nosos

Nestes momentos compañeiros e compañeiras das Entidades estatalizadas están librando a batalla máis dura na historia do sector financeiro. Fronte a intención gobernamental e patronal de reestruturar o sector financeiro a través da aplicación da Reforma Laboral, o persoal das Entidades nacionalizadas, Novagalicia Banco, Bankia e Banco de Valencia, están sendo a primeira liña de resistencia ante un proceso que ameaza con estenderse a gran parte do sector.

Anteriores procesos de reconversión do sector financeiro foron pactados e negociados, realizándose a través de medidas non traumáticas. Pola contra, estamos ante unha decisión de impoñer medidas máis gravosas para os traballadores e traballadoras e menos custosas para as empresas. Ademais, nestes procesos queren impoñer tamén unha rebaixa dos salarios (en Bankia de ata o 50% ), que loxicamente distorsionará a competencia no sector financeiro e servirá de argumento a todas as empresas para tratar de empeorar as nosas condicións laborais.


O Goberno pretende realizar unha reconversión, drástica e traumática escalando o proceso (Banco Gallego, Caja España/Duero, entre outras poden ser os seguintes). Tratan de evitar unha conflitividade xeral no sector que poda obrigalos a negociar. É por iso que parar as intencións patronais e gobernativas semella fundamental.

Hoxe, os traballadores e traballadoras de Novagalicia Banco, Bankia e Banco de Valencia defenden os seus postos de traballo, pero tamén os de todos e todas. Os bancos son competidores, os traballadores e traballadoras somos compañeiros e compañeiras.

O vindeiro día 6 de febreiro está convocada unha folga de 24 horas en Novagalicia Banco, Bankia e Banco de Valencia, así como manifestacións. Solicitamos, nomeadamente aos/ás que traballades nas cidades nas que se convocan, que fagades quendas para saír a tomar café, de tal xeito que podades participar os/as máximos posibles dun xeito solidario.

Manifestacións 6 de febreiro · 12 h.
CidadeLugar saída
A CoruñaRúa Nova
(OP Novagalicia banco)
Compostela Praza de Galicia
(OP Novagalicia banco)
Ourense Rúa do Paseo
(OP Novagalicia banco)
Lugo Praza Maior
(OP Novagalicia banco)
Pontevedra Rosalía de Castro
(Oficina de Bankia)
Vigo Rúa Urzáiz
(Oficina de Bankia)
 

Participade solidariamente nas manifestacións convocadas, turnándovos para saír a tomar o café.






➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!





Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto   https://i.gal/Afiliate [.pdf • 182 kB]
Folla       https://i.gal/AfiliateCIG [.pdf • 1'09 MB]




Comunicado 130204 [.pdf • 40 Kb]



1 comentario:

CIG NGB dixo...

Comunicado conxunto




Hoxe milleiros de traballadores e traballadoras de NCG Banco, demostramos unha vez máis que estamos unidos na defensa dos nosos postos de traballo. Van moitas xornadas de loita, pero non cesaremos ata conseguir un plan alternativo aos despedimentos masivos e baratos que pretende impoñer a dirección.

A folga foi un éxito, corroborado pola participación nas manifestacións en todas e cada unha das cidades nas que foron convocadas. O seguimento masivo responde á situación que padecemos de incerteza e a unha Dirección, herdada das anteriores, que só pretende perpetuarse por riba de todo (incluso da viabilidade futura) e de todos (despedindo colectivamente).

Noutras entidades negociouse ata o último minuto; aquí a nosa proposta para negociar xoves e venres foi rexeitada pola avogada de Sagardoy; sen que a empresa, que ao fin e ao cabo paga a súa minuta, mostrase interese pola nosa petición. Seguiremos agardando a que se aveñan a negociar. A semana que ven remata o prazo legal para facelo. É por elo que, ante a posibilidade de que a empresa continúe coa súa cerrazón e pretenda aplicar un ERE unilateralmente, procedemos a dar os primeiros pasos para convocar una xornada de folga de 48 horas, para os días 14 e 15 de Febreiro.

Señores da Dirección: escoiten o clamor do cadro de persoal, arremánguense, póñanse o traxe de faena e séntense dende xa, a traballar co obxectivo de chegar a un acordo. Dunha vez por todas, fagan ben as cousas.

E por último, comentar que entendemos que, aqueles traballadores e traballadoras que non exerceron o seu dereito fundamental de folga, comparten a intención da empresa de despedir masivamente, aplicando indemnizacións miserables en base á reforma laboral; proporemos que a empresa comece por eles. Saen máis baratos e evitarán un conflito maior, que máis poden pedir.