17 de febreiro de 2011

A importancia da delegación de voto - Xunta Xeral Accionistas 2011

Como xa saberedes o día 11 de marzo está prevista a celebración da Xunta Xeral de Accionistas do BBVA, e un ano máis queremos ser a vosa voz alí.

Cremos que é unha cuestión de responsabilidade, xa que de novo, o contido da meirande parte dos puntos da orde do día parécenos moi preocupantes:

  • Dous son para aprobar incentivos para os directivos, particularmente para os dous conselleiros executivos.
  • Dous para autorizar ao Consello de Administración a facer máis ampliacións de capital.
  • Outro delega no Consello de Administración a facultade de emitir débeda, e non é de estrañar, dados todos os vencementos que haberá que atender durante o 2011.


Entrementres, estamos a sufrir todo tipo de recortes, e de novas implantacións que pretenden supoñer aforro de custes...; polo de agora, para todos e todas nós non son máis que aumento de traballo, máis dificultade no desenvolvemento do mesmo e menor recoñecemento, tanto económico como profesional.

Se ben é lóxico que sexa a Xunta quen poida decidir destes asuntos, igual que pode decidir, por exemplo, unha fusión, o certo é que os traballadores e traballadoras do BBVA estamos favorecendo a aprobación de medidas que en moitas ocasións afectan negativamente aos nosos intereses (e aos do accionariado) ao conseguir delegacións de voto para o actual Consello de Administración.

Na Xunta, o Consello espera chegar coa maioría obtida como un obxectivo de campaña máis, que para nós é un traballo extra, e para eles a garantía de enormes beneficios. Co sistema que están a desenvolver, o Consello actúa con total impunidade deixando sen contido á Xunta, que remata sendo un mero acto formal e, para facelo, precisan de todos e todas nós...

Por todo isto, pedímosvos que deleguedes os vosos votos e os que poidades conseguir, nas nosas delegadas MARÍA TERESA RICHARD MARCIAL e BEGOÑA FERNÁNDEZ PEDRAS que asistirán na vosa representación á Xunta.
Para facelo só tedes que enviar as papeletas de delegación asinadas a calquera dos nosos delegados ou delegadas o máis axiña posible, para dispor delas antes do 10 de marzo.

Lembrade que a entrega do obsequio é unicamente por levar o cupón á oficina e NON ten relación coa delegación do voto.
Polo tanto debedes dar o obsequio tamén a quen faga delegación distinta de no Consello de Administración, ou aínda que non a faga en absoluto.

Son moitos os temas que se deberían debater na Xunta, e moi pouco o tempo que nos darán para falar, pero estamos abertos ás vosas propostas, que podedes enviar ao correo da nosa Sección Sindical para incluílas na nosa intervención.



Comunicado 110217 [.pdf • 28 Kb]


Fai escoitar a túa voz, por medio da CIG, nós lle damos moita importancia as túas inquedanzas. Outros sindicatos «maioritarios» que tamén pedirán a túa delegación, quizais só sexan capaces de entregar un simple escrito como o ano pasado.



➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!





Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto   https://i.gal/Afiliate [.pdf • 182 kB]
Folla       https://i.gal/AfiliateCIG [.pdf • 1'09 MB]




Ningún comentario: