9 de decembro de 2010

Botando a vista atrás II: Beneficios Sociais Vs. Conciliación

Mobilización en Pontevedra
Eran outros tempos, e moito do persoal hoxe en activo xa non os coñeceu pero, fusión tras fusión, cada colectivo dos que hoxe conforman BBVA perdeu vantaxes no camiño.

É salientable que tiveron que pasar 8 anos de desigualdades dende a fusión para que ao BBVA lle entrara presa por acadar un mal acordo de Beneficios Sociais, para que ao final, os fixeran desaparecer en favor dunha pequena cantidade de cartos e de deixar no máis triste esquecemento a viúvos, viúvas e outros colectivos que, cando o banco non tiña a política de “traballar polas persoas”, eran tidos máis en conta.

Quen asinou coa empresa ese acordo, controla agora tamén a asignación e condicións dos apartamentos, sen que, os que coma nós, non cremos que fora un bo acordo, (máis que para a empresa, que aforrou cartos) poidamos saber das reviravoltas do asunto.

Hoxe, mentres o BBVA non deixa de dar publicidade ás boas condicións de traballo que temos, o resto da representación sindical asínalle un Plan de Igualdade totalmente insuficiente, no que non se recoñece a situación real da empresa ou a existencia dun teito de cristal, e no que non se busca acadar a igualdade. Ata como plataforma de Conciliación (unha das grandes mentiras no banco nestes intres), como defensa da maternidade e paternidade, ou na loita contra o acoso, queda moi corto.

Pero en realidade, tanto dá, porque no día a día, o alongamento das xornadas, a presión, as incesantes reunións, a escaseza de persoal e a falla de cobertura de baixas e vacacións fan que, digan o que digan os acordos asinados, queden baleiros de contido. A triste realidade é que asinan pouco e cumpren menos.

Pola nosa banda, dende a CIG, sempre estamos dispostos a negociar melloras, polo que temos feito numerosas propostas á empresa, non só no eido da igualdade, senón tamén para regular e compensar os desprazamentos nas CBC, mellorar as coberturas por vacacións ou baixas, achegar ao seu punto de orixe a quen así o solicite, e en especial, aos contratados e contratadas de nova incorporación que se atopan nunha situación absurda, para mellorar a ergonomía na instalación de dispositivos, e un longo etcétera.

Pero non nos detemos aquí, xa que elevamos as nosas queixas ante a Administración, e o BBVA está sendo requirido por incumprir a legalidade.

A CIG defende os nosos dereitos. Cando non asinamos un acordo é porque non é bo para os traballadores e traballadoras do BBVA, e procuramos outras vías para acadar resultados.




➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!





Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto   https://i.gal/Afiliate [.pdf • 182 kB]
Folla       https://i.gal/AfiliateCIG [.pdf • 1'09 MB]






Ningún comentario: