17 de xuño de 2008

Clima de verano

A implantación do CLIMA segue creando malestar entre o persoal xa que, a case dous meses vista dende a implantación en , os problemas seguen sen se resolver, cando non aparece algún novo… e por se fora pouco, a información oficial brilla pola súa ausencia e a rumoroloxía aumenta.

O Departamento de RR.HH ten agora moita presa para que quen sufriu cambio de funcións envíe asinada unha carta que recolle as modificacións de contrato (cando menos as que ao BBVA lle interesa que queden por escrito).

  • Por que non o fixeron antes?
  • Se tedes algunha dúbida no contido da carta, consultade antes de asinar, e se non estades de acordo coas condicións, negociade. Contade co noso apoio.
  • Se non queredes o cambio, é o momento de dicilo.

Como sabedes, o Departamento de Auditoría está a traballar sen descanso, abrindo expedientes e sancionando directamente: se ben non podemos obxectar nada contra o feito de que se promova o traballo ben feito,

  • A normativa do banco segue en contradición coas novas atribucións de funcións dende o CLIMA e, mentres que non o aclaren, Como saber cando se actúa de forma correcta?
  • Á data que estamos, moita xente segue sen recibir a formación programada. Teremos que pedila por escrito? Ao non contar con ela, Como sabemos o que temos que facer ou o que non?
  • Ante a dúbida, tédelo claro: A AUDITORÍA, POLO DE AGORA NON LLE AFECTA O CLIMA, E GUÍASE POLA NORMA: ASÍ QUE MENTRES NON A CAMBIEN, XA SABEDES O QUE TEMOS QUE SEGUIR: o Convenio, as Leis e a Normativa Interna.

Tamén promete dar moito xogo o EN AGOSTO, do que xa se coñece a lista.

  • Porque moito do choio diario está relacionado con elementos físicos (expedientes, fichas de firma…) que non estarán á nosa disposición se estamos nunha oficina diferente, polo que, ou non se atende ao cliente, ou se incumpre a normativa… Que pensaría Auditoría?
  • Incidencias en caixeiros, tarxetas atrapadas ou obxectivos de automatización son algúns outros puntos controvertidos.
  • E co sistema de avaliación existente, Como se computa o teu mes de agosto?, A quen lle repercute?.
  • Conste que se nos facemos estas preguntas, é porque xa llas fixemos a quen correspondía: no momento as respostas foron meras suposicións de que «haberá algún protocolo», como se as cousas por aquí NUNCA se improvisaran, e polo de agora non tivemos información oficial de maior seriedade e credibilidade. Seguimos á espera.

Por máis que a empresa o negue, segue insistente o rumor de externalización do servizo de caixa: o único seguro a día de hoxe é que en oficinas de tres persoas, na que unha levaba caixa, pasan a ser dúas: claro, se a estratexia é a eliminación, moito que externalizar non quedará.
Tamén hai que salientar o labor de deseño de adaptación de espazos para ubicar os CBC, xa que é incrible a cantidade de cousas que se poden facer contravindo as normas de (espazo, ruído, temperatura, ergonomía), ou dando unha impresión de provisionalidade, improvisación e falla de recursos impropia da imaxe que quere dar BBVA; por exemplo, poñendo elementos publicitarios para «esconder» aos servizos de administración. Ben se ve que está todo baixo control.

E para rematar a última innovación «tecno-ilóxica»: resulta que co novo entorno tes acceso directo a todo o teu perfil, pero ou tes todo aberto ou todo pechado; é dicir, que con un minuto que te ausentes do posto é suficiente para que calquera poda saber o que gañas ou ter acceso ao teu correo e, pola contra, un director ou un RGA de CBC, que teñen que visitar oficinas, non poden abrir o seu correo por exemplo, sen que quen lle deixe o acceso remate a súa sesión de usuario. Ou sexa, do máis práctico e cómodo.

En fin, esperamos que non vos resignedes ao trato que nos está dispensando BBVA, as queixas da xente van en aumento, pero vai chegando a hora de concretalas e de deixar de facer favores a quen nin nos respecta, nin nos informa, nin fai concesións de ningún tipo.


TEMOS UN HORARIO, UNHAS NORMAS E UNS DEREITOS.
CUMPRÍDEOS E FACÉDEOS CUMPRIR.
Nós seguimos na loita.




➤ Temos unha canle en Telegram, che convidamos a seguirnos por se queres estar ao tanto das novas tan axiña se produzan; Únete!





Súmate a CIG! Afíliate!
Folleto   https://i.gal/Afiliate [.pdf • 182 kB]
Folla       https://i.gal/AfiliateCIG [.pdf • 1'09 MB]






Ningún comentario: